Santiago Marta, traballador do CEEIS Combina Social

"Grazas aos centros especiais de emprego dáselle unha oportunidade a moita xente"

  • No mes que se conmemora o Día dos Traballadores e Traballadoras falamos con Santiago Marta, empregado do CEEIS asociado Combina Social
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2024. Nesta conversa, Santiago Marta compártenos como foi a súa primeira experiencia laboral e como coñeceu a figura dos centros especiais de emprego de iniciativa social. Hoxe, traballa no CEEIS Combina Social, encargándose dos labores de conserxe e limpador no mercado municipal de Carballo. Un traballo no que se sinte moi a gusto e que lle permite poñer en acción o seu don de xentes.

Mira á inclusión laboral das persoas con discapacidade con optimismo, súa é a frase "hai unha oportunidade para cada perso"”. Ademais, pon en valor as facilidades que ofrecen os CEEIS á hora de adaptar os postos de traballo ás características e calidades de cada traballador ou traballadora.

  • Cal foi a súa primeira experiencia no eido laboral? Garda un bo recordo dela?

Empecei como ferrallista aos 16 anos e estiven como sete anos traballando nese primeiro emprego. Gardo un bo recordo sobre todo do primeiro soldo (ri).

  • Cando e como xorde a oportunidade de comezar a traballar no CEEIS? Que cargo ocupa?

Unha vez me deron a alta despois de operarme das costas, comecei a enviar currículos e pronto me chamaron desde Combina Social para limpar uns centros que teñen en Carballo, despois da pandemia.

Primeiro foi para cubrir unha baixa e despois dixeron que cando lles aparecera un posto que me chamaban e chamaron. Actualmente ocúpome dos labores de conserxe e limpador no mercado municipal de Carballo.

  • Podería contarnos como é o seu día a día no centro?

Veño para o posto e encárgome de facer as tarefas que me corresponden como conserxe e limpador. Os luns e os mércores estou de mañá e o resto dos días da semana estou de tarde. A nosa empresa está no mercado desde as oito da mañá ata ás nove da noite.

Cando hai feiras os domingos miro quen ten carné e superviso que os postos se poidan montar ben.

  • Que lle aporta este traballo? E vostede, que habilidades ou talentos cre que achega ao CEEIS?

A relación coas persoas é o que máis me gusta, a verdade é que este traballo permíteme coñecer a moita xente e eu son moi de relacións públicas.

Neste sentido, en canto ás miñas habilidades, teño facilidade de palabra e don de xentes. E neste traballo iso é moi importante porque temos unha relación continua cos praceiros para poder arranxarlle os problemas que teñan. Sempre que necesitan transmitirlle algo ao concello, dinmo a min e eu trasládollo.

  • A que desafíos se tivo que enfrontar no ámbito laboral debido á súa discapacidade?

Pois sinceramente non vin desafíos, porque no CEEIS adaptáronse a min perfectamente, que non podo facer esforzos. Sempre que hai algún problema miran de adaptarse e buscarche unha solución.

Non sabía nada dos centros especiais de emprego de iniciativa social ata que me dixeron de COGAMI onde me informaron moi ben.

  • No marco do Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras, pensa que se recoñece a contribución das persoas con discapacidade ao mercado laboral?

Penso que si, que cada vez máis hai máis oportunidades para as persoas con discapacidade.

Hai unha oportunidade para cada persoa.

  • Que cambios lle gustaría ver no ámbito laboral en relación á inclusión das persoas con discapacidade?

Con que lle sigan dando oportunidades ás persoas con discapacidade xa é un bo traballo. Penso que sería necesario que se coñecesen máis os CEEIS e o labor que fan. Grazas aos centros especiais de emprego dáselle unha oportunidade a moita xente.

  • E a nivel persoal, ten algunha meta laboral no horizonte?

Intentar mellorar cada día e avanzar cara adiante sempre. As cousas non se forzan, vanse dando elas soas.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar